Os días 17 e 18 de outubro, organizadas polo Concello de Ribadeo dentro das actividades do programa Ribadeo cara ao mar, celebrarase a I Xornada arredor do Forte de San Damián, unha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio fortificado costeiro e promover a conservación dun dos símbolos máis singulares da vila.
O programa inclúe catro sesións temáticas nas que especialistas de Galicia e Asturias abordarán a evolución das defensas costeiras, dende o século XVI ata a época contemporánea, con especial atención ao papel estratéxico da Ría de Ribadeo.
Ademais das sesións e charlas, as xornadas completaranse con visitas guiadas ao casco histórico e ás fortificacións de Porcillán e Forte de San Damián, degustacións gastronómicas centradas na valorización dos produtos do mar e un concerto de música antiga como peche do evento.